domingo, 30 de novembro de 2014

Visita de Ledicia Costas

Mañá estreamos o mes de decembro cunha visita de luxo, vénnos ver Ledicia Costas.



Con ela teremos a oportunidade de compartir palabras sobre O corazon de Xúpiter.


Tes algunha pregunta para ela? Déixaa nos comentarios desta entrada.

Non esquezas o teu exemplar na casa!


sábado, 8 de novembro de 2014

Ficha do control de novembro 2014

Imaxe vía Xibarda.
Imaxe vía Xibarda.
POSIBLES CUESTIÓNS DA PROBA

-Dado un tema, realiza o esquema dunha redacción con todas as súas partes.
-Escribe unha oración con cada unha das seguintes palabras. Non esquezas que as túas oracións deben cumprir os 3 requisitos que utilizamos sempre: lonxitude de mínimo dez palabras sen contar os artigos; tense que poder deducir pola oración que coñeces o significado da palabra en cuestión; o rexistro debe ser formal, debe ser un enunciado que poida aparecer publicado nun xornal.
-Preguntas de teoría.
-Dada unha definición ou un sinónimo, escribe a palabra correspondente.
-Acentúa o seguinte texto.
-Acentúa as seguintes oracións e xustifica a presenza ou ausencia de acento gráfico nas palabras subliñadas.


LÉXICO
-Campo semántico das emocións e sentimentos (pp. 14-15)
-Campo semántico dos antropónimos (pp. 42-43)
-O teu nome e os teus apelidos.
-Campo semántico das partes do corpo (no blog da materia)
-Palabra do día (no Portal dasPalabras)
-Léxico da aula (recompilado no caderno individual da materia)

TEORÍA
-O alfabeto.
-Acentuación (pp.18-19, 46).
-Que é a Onomástica?
É a parte da lingüística que estuda os nomes propios.
-Que é a Antroponimia?
É a rama da Onomástica que estuda os nomes propios e os apelidos das persoas.
-Que é un alcume?
Denominación pola que é coñecida unha persoa que non é o seu nome propio.
-Que é un hipocorístico?
É a variante familiar dun nome.
-Indica cinco tipos de apelidos e sinala como mínimo un exemplo de cada un deles.
Patronímicos: proceden do nome do pai (p.ex. López)
Toponímicos: proceden dun nome de lugar (p.ex. Docampo)
De oficio ou profesión (p.ex. Ferreiro)
De alcumes (p.ex. Roxo)
Do mundo vexetal e animal (p.ex. Carballo, Raposo)
-Sinala 4 tipos de antropónimos?
Nome
Hipocorístico
Alcume
Apelido